CIG-Servizos felicítase pola readmisión da compañeira Consuelo Martínez

Consuelo Martínez
CIG-Servizos congratúlase pola sentenza que declara nulo o despedimento da compañeira Consuelo Martínez e que obriga Povisa a readmitila. A Federación entende que esta resolución fai xustiza nun caso de conculcación flagrante da liberdade sindical, pois Consuelo, delegada de persoal, fora despedida como represalia por ter xogado un papel destacadísimo na folga desenvolvida hai meses nesa clínica privada viguesa.
12/11/09.

CIG-Servizos parabeniza Consuelo Martínez e a sección sindical da CIG en Povisa pola súa honestidade, enteireza e capacidade de loita. Martínez e o resto de compañeiros/as son a mellor mostra do que debe ser un representante dos traballadores/as, aquel que non claudica ante os xefes aínda que penda sobre el todo tipo de ameazas, incluído o despedimento. Na folga, Povisa despregou todo o seu arsenal de prácticas antisindicais. Porén, Consuelo Martínez e os demais compañeiros/as non cederon.

A propia sentenza conclúe que o despedimento de Consuelo Martínez representa un caso claro de represión sindical por pertencer á CIG e por ser este un “sindicato incómodo para a empresa". O fallo tamén encontra relación entre o despedimento da compañeira e as denuncias presentadas por esta contra Povisa a respecto das condicións de traballo no hospital ou en relación coas vulneracións e ataques á liberdade sindical.

Parabéns Consuelo!

Nin un paso atrás, a loita continúa!