Asinado o convenio provincial de Limpeza hospitalaria de Ourense, que inclúe subas do 5%
O convenio asinouse logo de varios meses de negociación nos que a patronal deu mostras de intransixencia e tentou minguar unhas condicións de traballo, conquistadas polo persoal en anos anteriores, consistentes na equiparación co grupo E do Servizo Galego de Saúde. Tanto foi así que mesmo se chegou a convocar unha folga de todo o sector de limpeza hospitalaria, desconvocada nas vésperas do seu inicio cando se chegou a un acordo auspiciado polo Consello Galego de Relacións Laborais.
O máis relevante do Convenio asinado é:
- Recoñecemento das cantidades económicas que en concepto de atrasos se lle deben abonar a todo o persoal, con efectos desde xullo de 2008 (aproximadamente uns 500 € por persoa só neste concepto).
- Incremento salarial para 2009 do 5% de media para todas as traballadoras/es, o que representa o incremento máis alto de convenio algún neste ano en Ourense.
- Duración do Convenio deica 31 de decembro de 2010.
- Mantemento da equiparación co persoal do grupo E do SERGAS.
- Para o ano 2010, reunirase a Comisión Negociadora para establecer os salarios, mantendo sempre as mesmas condicións que o persoal do SERGAS.
CIG-Servizos, como central sindical maioritaria no sector, manifesta a súa total satisfacción por este acordo, pois garante o 100% das reivindicacións sindicais propostas ao inicio das duras e longas negociacións. O convenio conquistouse grazas á unidade das traballadoras e traballadores, á firmeza amosada e á decisión inquebrantábel de defender con todos os medios, incluída a folga, as conquistas e melloras que tanto custaron conseguir.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| Texto_convenio_Limpeza_Hospitais_ourense_2009_-_2010.pdf | 6.32 MB |




