Comezan as mobilizacións do Comercio de Alimentación

Protesta en Piadela 1
Concentracións en Betanzos, Poio e Ferrol serviron como punto de partida da campaña de mobilizacións no Comercio de Alimentación da Coruña e Pontevedra, cuxos traballadores/as están en pugna para conseguir convenios dignos. As protestas sucederanse ao longo desta semana até desembocar na folga do 27 de novembro, que afectará o persoal do sector en ambas provincias.
23/11/09.

Máis dun centenar de traballadores/as secundaron a protesta desenvolvida diante da nave de distribución do Grupo Gadisa, radicada no polígono de Piadela (Betanzos). Os manifestantes non deixaron en ningún momento de corear consignas: “Tojeiro explotador, páganos mellor!”, “Se non hai diñeiro, que traballe Tojeiro!” ou “Convenio xa, malo será!”, esta última en referencia ao lema da campaña publicitaria que lanzou recentemente o grupo.

A mobilización contou coa presenza abafante de axentes da Guardia Civil e de membros da Seguridade privada. Un destes extralimitouse nas súas funcións e quixo impedir o acceso ao polígono dos dous primeiros manifestantes que chegaron ao lugar, mais o seu intento foi en van. No decurso da protesta, un directivo de Gadisa foi sorprendido fotografando desde unha xanela as persoas concentradas, quizais coa finalidade de ir engrosando novos rostros ás listas negras da empresa.

Roberto Pérez Vila, responsábel do Comercio da CIG-Servizos da Coruña, recordou que o sector non está en crise e quen si o están son os seus traballadores/as. Gadisa duplicou os seus beneficios nos últimos catro anos no 109%. Mais esta bonanza empresarial non se corresponde cos salarios dos empregados/as, que se aproximan aos 800 euros mensuais.

Preme para ver a galería fotográfica