Éxito sen paliativos da folga do comercio de alimentación malia as ameazas dos empresarios

Folga no Comercio de Alimentación: piquete en Piadela 13
Por volta do 95% do persoal do comercio de alimentación secundou as folgas convocadas o 27 de novembro nas provincias da Coruña e Pontevedra. O paro foi total en Compostela e na nave de distribución de Gadisa, en Piadela (Betanzos). Este grupo deu novas mostras da súa actitude represiva ao impedir o acceso ás tendas dos comités de empresa e folga para exercer o seu labor informativo.
29/11/09.

O piquete estabeleceuse na comarca da Coruña contra as cinco da madrugada nos accesos ao polígono betanceiro de Piadela, onde ten a súa nave de distribución o Grupo Gadisa. O paro foi total neste centro de traballo. Roberto Tojeiro, vicepresidente do emporio, tivo que acceder á nave escoltado por cinco patrullas da Guardia Civil.

Na cidade herculina, os folguistas congregáronse a partir das 9:00 horas nos accesos do Gadis do centro comercial Catro Camiños. Posteriormente, o piquete desprazouse até Elviña, Catro Camiños, Federico Tapia, Praza de Vigo ou San Andrés. Nunha destas rúas, varios traballadores decatáronse de que catro supervisores e xefes de Gadisa estaban seguindo e vixiando o piquete alí por onde ía. Os mandos da empresa foron escorrentados por membros do piquete e tiveron que se refuxiar nunha cafetería.

En Compostela, no Lidl de A Rocha un grupo de supervisores da empresa substituíu os traballadores en paro, unha actuación que vulnera o dereito á folga. CIG-Servizos presentará unha denuncia no xulgado por estes feitos.

Na comarca ferrolá, a xornada de folga comezou no almacén de distribución de Lidl no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón. O piquete que chegou ao lugar atopouse cun importante dispositivo policial despregado no lugar, que non impediu que triunfase a folga ao pecharen por completo as instalacións e tan só acudiren aos seus postos de traballo algúns directivos. A primeira hora da mañá, os folguistas trasladáronse até Ferrol, na zona do Inferniño, onde pecharon tendas ao seu paso. Dende a CIG-Servizos de Ferrol estiman que o seguimento da folga na comarca atinxiu o 90%.

Na provincia de Pontevedra a folga acadou un 90% de seguimento. Pecharon as tendas de Pontevedra, O Porriño e Ponteareas e a maioría das de Vigo. Os folguistas iniciaron as accións reivindicativas en Poio, no almacén de distribución de Froiz. Dende aí, unha parte do piquete trasladouse até Vigo para unirse co resto dos folguistas da cidade, mentres que outro grupo de persoas marchou cara Pontevedra, onde se rexistrou un amplo seguimento do paro.

IMAXES DA FOLGA EN PIADELA

IMAXES DA FOLGA NA CORUÑA