Pimkie de Compostela despide a segunda traballadora nun ano
Pimkie botou a traballadora alegando novamente “baixo rendemento” e “faltas de respecto” á encargada da tenda. CIG-Servizos entende que este despedimento está relacionado coa presentación dun escrito ante a Inspección de Traballo denunciando as tentativas da encargada de lle modificar os horarios á empregada despedida. A responsábel da tenda compostelá, ao comprobar que non podía alterar as condicións laborais da compañeira, inflixiulle un trato ameazante e despectivo.
Mobbing á delegada de persoal
Pimkie tamén está a acentuar o acoso moral contra a delegada de persoal de Compostela, elixida pola CIG-Servizos. Este linchamento psicolóxico, urdido pola responsábel de zona, Natália Borges, e executado pola encargada de Compostela, consiste en desprezos, mentiras, difamacións e ameazas que a diario ten que soportar a representante das traballadoras.
Conculcación de dereitos
A responsábel de zona nega sistematicamente os días de asuntos propios, contravindo flagrantemente o convenio de comercio vario provincial. O texto estabelece que o persoal pode solicitar dous días de asuntos propios ao ano cando precise deles. Porén, Pimkie denega continuamente e de maneira arbitraria a concesión deste permiso retribuído argumentando falazmente que en determinadas épocas do ano non se pode solicitar, nomeadamente en decembro. Non obstante, a Inspección de Traballo recordoulle á compañía que este dereito lles asiste ás empregadas.
Por outra banda, as representantes das traballadoras pedíronlle explicacións a Pimkie polos erros detectados nas vidas laborais dalgunhas compañeiras polas que a empresa só cotiza media xornada pese a realizaren 30 horas semanais.
Máis información no blog das afiliadas da CIG-Servizos en Pimkie




