A folga nas instalacións deportivas estenderase máis días debido ao inmobilismo empresarial

Empregados das instalacións deportivas de Galiza decidiron ampliar a folga e estendela do 19 ao 22 de decembro e do 16 ao 20 de xaneiro. Os paros serán indefinidos a partir do 1 de febreiro. A convocatoria xa foi rexistrada ante a Consellaría de Traballo.
04/12/09.

A folga abrangue todos os centros deportivos, instalacións acuáticas, clubs náuticos e deportivos, sexan en instalacións privadas ou públicas en concesión a empresas privadas ou prestacións de servizos por empresas privadas, e abarca, en xeral, todas as empresas afectadas polo Convenio Estatal de Instalacións Deportivas e Ximnasios, aínda que nestes intres se estean aplicando outros convenios colectivos.

O persoal xa secundou masivamente tres xornadas de folga en novembro que se saldaron cun éxito importantísimo. Os traballadores/as optaron novamente por esta medida de presión como consecuencia da ruptura das negociacións do convenio colectivo, acontecida o pasado 5 de novembro.