A irresponsabilidade da patronal de Deportes vai deixar sen servizo máis de 100.000 usuarios

balon_deportes.jpg
Os sindicatos presentes na mesa de negociación do convenio galego de instalacións deportivas (CIG-Servizos, UGT e CC.OO) acusan a patronal de irresponsábel ao non terse movido nin un ápice das súas posturas, malia o éxito das tres xornadas de folga de novembro. A parte social prosegue coa súa intención de secundar novos paros en decembro e xaneiro. Os empresarios son os únicos responsábeis de que 100.000 usuarios fiquen sen servizo eses días.
10/12/09.

As reivindicacións do persoal céntranse basicamente en catro aspectos: o estabelecemento dun convenio que cubra todo o sector, a modificación das condicións da Incapacidade Temporal, melloras salariais e a regulación da xornada laboral. Cómpre lembrar que aos traballadores lles aplican até cinco convenios diferentes: limpeza, sidero-metalúrxico, ensino privado non regrado, hostalaría e o estatal de instalacións deportivas.

A patronal oferta agora uns salarios que son inferiores aos que cobraban os traballadores/as no ano 2003, cando aínda estaba vixente o anterior convenio. Axidega ofrece un salario base de 700 euros que, sumadas as porcentaxes do 2´3% para 2010 e do 3´3% para o 2011, acadaría neste último ano a cantidade de 800 euros.