Continúa a campaña de denuncia dos despedimentos en Daviña
A CIG-Servizos e a delegada de persoal reclaman a súa readmisión, polo que resulta inevitábel recorrer á Xustiza coa intención de que declare o despedimento nulo, ao se tratar dun caso de persecución sindical.
A empresa Daviña División Comercial pechou o ano 2008 con moitos beneficios e mellorou as vendas nun 26% respecto ao exercicio anterior. Isto non impediu que en marzo de 2009 despedise tres traballadoras alegando “causas obxectivas” sen nin tan sequera informar previamente a representación dos traballadores/as.
A compañía despediu recentemente dúas empregadas máis, unha delas delegada de persoal, aducindo os mesmos argumentos. CIG-Servizos non vai permitir que Daviña se desfaga de traballadoras cando tivo tan bos resultados económicos nos últimos tempos e conta, ademais, con importantes contratos coa administración pública (unha das firmas do grupo encárgase do mantemento do alumeado público de Compostela). A central nacionalista tampouco tolerará que, amparándose na tan manida crise, Daviña División Comercial aproveite a conxuntura para sacarse de en medio a representante do persoal.
As protestas continuarán até que a empresa mude de actitude e readmita a compañeira.




