Ducias de delegados protestan contra o acoso laboral no Pimkie de Compostela

Protesta contra o acoso laboral no Pimkie compostelán 6
Varias ducias de delegados da CIG-Servizos concentráronse o 11 de decembro fronte ao estabelecemento compostelán da multinacional francesa de roupa feminina Pimkie en protesta polo despedimento dunha traballadora e para censurar o acoso laboral inflixido pola encargada a empregadas.
12/12/09.

“Mari Carmen Leal, acosadora laboral”, en alusión á encargada, foi a consigna máis repetida no decurso da protesta, que se estendeu durante hora e media na mañá do 11 de decembro na rúa República de El Salvador, emprazamento onde a compañía francesa ten a tenda na capital galega.

Pimkie rescindiulle o contrato á traballadora alegando novamente “baixo rendemento” e “faltas de respecto” á encargada. CIG-Servizos entende que este despedimento está relacionado coa presentación dun escrito ante a Inspección de Traballo denunciando as tentativas de Mari Carmen Leal de lle modificar os horarios á empregada despedida. A responsábel da tenda compostelá, ao comprobar que non podía alterar as condicións laborais da compañeira, inflixiulle un trato ameazante e despectivo.

Mobbing á delegada de persoal

Pimkie tamén está a acentuar o acoso moral contra a delegada de persoal de Compostela, elixida pola CIG-Servizos. Este linchamento psicolóxico, urdido pola responsábel de zona, Natália Borges, e executado pola encargada de Compostela, consiste en desprezos, mentiras, difamacións e ameazas que a diario ten que soportar a representante das traballadoras.

Preme para ver a galería fotográfica