Os partidos políticos consenten que a xestión das emerxencias siga sendo privada

Mani bombeiros 08 (20091030)
Ningún dos tres partidos maioritarios foi capaz de atinxir un compromiso cos traballadores de emerxencias para que a xestión deste servizo sexa pública. Como resposta a esta indiferenza, os sindicatos xa están a planificar unha manifestación en xaneiro diante da Deputación da Coruña, unha das institucións que delega en empresas privadas a explotación dos parques de bombeiros.
12/12/09.

O goberno do PP na Xunta de Galiza, en complicidade coas deputacións provinciais, pretende consolidar de xeito definitivo un modelo de xestión de emerxencias total e absolutamente privatizado, no que outorga a empresas de servizos a concesión e xestión de todos os parques de bombeiros de Galiza. O Executivo autonómico racha, deste xeito, os preacordos existentes cos axentes sociais para crear e implantar un sistema de consorcios públicos con xestión directa. A Xunta tamén incumpre o compromiso de dotar os traballadores dunha normativa reguladora da profesión de bombeiro.  

A oposición elude responsabilidades

A comisión intersindical do persoal de emerxencias acordou solicitarlles xuntanzas aos máximos responsábeis dos partidos da oposición parlamentaria. O PSOE aínda non contestou á petición de entrevista cos representantes dos traballadores e, por parte do BNG, quen se reuniu cos sindicatos non foi o seu portavoz nacional senón a secretaria de Organización, Montse Prado, e o deputado autonómico Alfredo Suárez Canal. Estes últimos comunicáronlles aos representantes sindicais que o BNG está a “defender no Parlamento galego a xestión pública directa” e que nas deputacións onde cogoberna co PSOE, A Coruña e Lugo, esta defensa “está condicionada polos pactos puntuais de goberno” e, por tanto, o Bloque "non pode facer máis" (sic). Prado e Suárez Canal consideran que a responsabilidade final está “no Goberno da Xunta e no PP e non no BNG”.

Os sindicatos tamén decidiron solicitar unha entrevista co presidente de Deputación de Pontevedra para que se implique na resolución dos problemas xerados polos despedimentos nos parques de bombeiros xestionados por Celta Prix.