CIG-Mocidade anima a non mercar os domingos e festivos

campanha_cig_mocidade.jpg
CIG-Mocidade de Vigo iniciou o 13 de decembro unha serie de concentracións contra o consumismo e a explotación laboral no Nadal que leva por nome “Racha co consumismo, tamén é explotación laboral!”. A campaña está a ser difundida coa colada de 400 cartaces e co reparto de 3.000 follas informativas. CIG-Mocidade anima a non mercar os domingos e festivos e a deixar de acudir aos centros comerciais como unha forma de lecer.
13/12/09.

CIG-Mocidade quere pór de manifesto a outra faciana do Nadal baseada na voracidade do consumismo e na explotación laboral: “En decembro, as grandes áreas comerciais reforzan o seu persoal cun importante número de traballadoras/es (en calquera comercio importante supéranse facilmente os 100 novos contratos), que na súa maioría son mozas e mozos con contratos precarios e a baixo custe”.

A campaña pon énfase no papel dos contratos de fin de semana ou nas xornadas semanais de luns a domingo sen ningún día de descanso. “Hai traballadoras/es que poden chegar a enlazar dúas e máis semanas sen descansos” e, cando os gozan, “as empresas ponos aleatoriamente”, expresa a CIG-Mocidade nun comunicado. O colectivo de mozos/as tamén critica os baixos salarios que padecen estes empregadas/os, “que nestas datas son forzados a traballar a ritmos superiores aos que desenvolven ao longo do ano”.

CIG-Mocidade aposta por conseguir que o consumo razoábel se converta nunha parte importante da loita da clase traballadora: “Hai que rachar con este modelo de consumo que só pretende o continuísmo do capitalismo, único responsábel da crise na que as traballadoras e traballadores somos os máis prexudicados”.

Próximas concentracións da CIG-Mocidade de Vigo:

  • 20 de decembro: no Corte Inglés, de 17:30 a 20:30 horas.
  • 3 de xaneiro: no Alcampo de Coia, de 17:30 a 19:30 horas.