Traballadores dos xeriátricos espallan cueiros usados diante da Delegación de Benestar na Coruña

20091217_xeriatricos_corunha_01.JPG
O persoal das residencias privadas da terceira idade retomou o 17 de decembro na Coruña o calendario de mobilizacións con concentracións diante do xeriátrico Concepción Arenal, xerido por Mapfre-Quavitae, e da Delegación Territorial da Consellaría de Traballo e Benestar, en cuxas portas algúns manifestantes espallaron cueiros usados en sinal de rexeitamento pola inhibición deste departamento autonómico.
17/12/09.

“Traballo duro, salario digno”. Con esta consigna, uns 200 traballadoras e traballadores dos xeriátricos concentráronse diante da residencia Concepción Arenal da Coruña, dependente da Xunta mais xestionada pola multinacional Mapfre. De aí trasladáronse a pé até a Delegación Territorial da Consellaría de Traballo e Benestar para lle esixir a este departamento autonómico que medie no conflito, pois o 80% das prazas ofertadas son concertadas.

A Administración autonómica participa na empresa de capital mixto Sogaserso, rede de servizos sociais na que están integrados numerosos xeriátricos. A Xunta non é allea a este conflito e non pode seguir a inhibirse pois é corresponsábel das condicións laborais e salariais do persoal destes centros. A Consellaría ten a obriga de controlar o cumprimento estrito da normativa autonómica en materia de ratios e condicións hixiénico-sanitarias das residencias.