A segunda fase da folga nos deportes logra pechar de novo as instalacións
Os empregados advirten que os paros proseguirán en xaneiro e, de non alcanzarse un acordo, a folga será indefinida a partir de febreiro.
A Xunta, que concede a xestión de instalacións deportivas a empresas privadas, debe asumir a súa responsabilidade e implicarse no conflito para obrigar os patróns a asinar un convenio xusto que garanta unhas condicións salariais e laborais dignas.
CIG-Servizos, CCOO e UGT, organizacións convocantes destas mobilizacións, denuncian a intransixencia da patronal. Malia dous anos de conflito, esta non foi quen de mellorar as condicións laborais precarias nas que desenvolven a súa actividade as traballadoras e traballadores do sector, para os que é irrenunciábel a dignificación dos salarios (para achegarse, cando menos, á condición de mileuristas) e a consecución dunha xornada que permita conciliar a vida laboral e familiar. Alén diso, reclaman o estabelecemento dun convenio que cubra todo o sector e a modificación das condicións da Incapacidade Temporal.
Neste intre os traballadores/as dependen de até cinco convenio diferentes: limpeza, sidero-metalúrxico, ensino privado non regrado, hostalaría e o estatal de instalacións deportivas.




