Os comités dos Alcampo de Vigo proseguen coas mobilizacións contra o cambio de horarios

Continúan as concentracións do persoal dos Alcampo de Vigo contra a intención da empresa de modificar os horarios de maneira unilateral. Traballadores e traballadoras, apoiados pola CIG-Servizos, mobilizáronse o 7 de xaneiro ás portas dos estabelecementos que a multinacional francesa posúe en Coia e na avenida de Madrid.
09/1/10.

A pretensión de Alcampo de trocar os horarios é consecuencia do último convenio de grandes almacéns, asinado en Madrid o verán pasado por FASGA e FETICO, que mingua considerabelmente as condicións laborais e salariais do persoal. Dito texto permite a posibilidade de realizar xornadas de 9 horas, ás que se engade outra de descanso que non computa como tempo traballado. Isto implica que os empregados poden estar 10 horas no centro de traballo.

Horarios incompatíbeis coa vida familiar

Os traballadores que participaron nas protestas repartiron follas informativas nas que se pon de manifesto a imposibilidade de conciliar a vida laboral coa familiar. “Un horario de tarde é de 11 a 21 horas. Isto significa nove horas de traballo efectivo e dez de presenza, xa que unha é a de descanso e non se retribúe. Este é un dos horarios entre tantos, xa que nos poñen até 15 distintos", explican.