A folga nos deportes será indefinida por mor do desplante empresarial

Marcha solidaria na Coruña por un convenio galego de instalacións deportivas 5
Os empresarios das instalacións deportivas responderon aos sindicatos cunha oferta de convenio aínda peor que a que presentaran a finais do ano pasado. A patronal, coa súa actitude burlesca e irrespectuosa, é a única responsábel de que a folga nos deportes se converta en indefinida a partir do 1 de febreiro.
25/1/10.

Non abondou coa boa vontade amosada polos traballadores e as organizacións sindicais, que desconvocaron o paro previsto para o 20 de xaneiro, para que os empresarios estudasen a oferta da parte social.  De feito, o avogado designado polos patróns chegou á última reunión no Consello Galego de Relacións Laborais cunha nova proposta que, para maior escarnio, empeora as condicións da anterior.

A actuación dos patróns representa unha falta de respecto, un insulto e unha provocación aos traballadores/as e aos usuarios/as das instalacións que, sen ter culpa de nada, teñen que sufrir as consecuencias.

CIG-Servizos fai un novo chamamento aos concellos e á Xunta para que medien no conflito, xa que a maioría destes centros están en réxime de concesión.