A brutalidade policial cébase cos bombeiros galegos

Carga contra bombeiros
Diversas fontes falan dun total de cinco manifestantes feridos e de que dous deles tiveron que ser trasladados a centros hospitalarios. Este foi o balance de persoas damnificadas por mor da brutalidade policial desatada ao termo da manifestación de bombeiros celebrada na Coruña o 29 de xaneiro, que contou cun milleiro de asistentes. Os antidisturbios cargaron instantes despois de que a marcha chegase á Deputación provincial.
29/1/10.

A Deputación da Coruña, por acordo dos tres partidos políticos que a compoñen (PSOE, BNG e PP), e en complicidade coa Consellería de Presidencia da Xunta de Galiza, decidiu impoñer para toda a provincia unha xestión das emerxencias pola vía da externalización dos seus servizos. Isto supón que o Consorcio de Emerxencias creado entre Deputación e Xunta será xestionado definitivamente por empresas privadas.

En Galiza existen actualmente sete parques de bombeiros públicos nas grandes cidades (dependentes dos concellos e cuxo ámbito de actuación se limita á área municipal), un público en Silleda xestionado pola Deputación de Pontevedra e 17 privatizados.

As empresas concesionarias limítanse á contratación do persoal, xa que todos os gastos (instalacións, mantemento, protocolos de actuación, planos directores, etc.) dependen da administración. O suposto aforro da xestión privada ten como consecuencia a precarización das condicións e salarios dos traballadores/as. As concesionarias obteñen un 19% de beneficios e reciben un 8% máis en concepto de gastos.

As organizacións sindicais lembran que tan só en Galiza se aposta por un modelo privatizado da xestión das emerxencias, a diferenza do resto de comunidades autónomas, onde o servizo o asumen directamente as administracións públicas. A CIG tamén reclama a creación inmediata do estatuto do bombeiro profesional.