O convenio do comercio de alimentación coruñés rebaixa melloras que se concederan inicialmente
Os sindicatos asinantes transixiron, por exemplo, con que o plus de nocturnidade fique definitivamente no 20% en lugar do 25% negociado nun principio. Ademais, a indemnización por despedimento en caso de mobilidade xeográfica sitúase agora en 25 días, en troques dos 30 pactados inicialmente. No texto actual tampouco se fai mención á regulación da recuperación de vacacións en caso de baixa.
Durante toda esta negociación, incluída a folga, CIG-Servizos foi unha parte vital que puxo moi alto o nivel da negociación e liderou unhas mobilizacións impensábeis anos atrás, cando aínda non se contaba co apoio de tantos traballadores e traballadoras. Sen embargo, a central nacionalista non asinou este convenio principalmente porque discrimina e esquece unha parte importante dos traballadores do sector: os compañeiros dos almacéns e das oficinas. Hai outros que presumen de sindicatos solidarios, CIG-Servizos o é e nunca vai asinar un convenio que non aplique por igual as súas cláusulas a todos os traballadores. O sindicato continuará traballando igual que até o de agora para solucionar estes agravios.
CIG-Servizos é consciente de que a promoción profesional que recolle o convenio para as categorías das tendas depende moito da antigüidade que teña recoñecida o persoal. Antigüidade que as empresas se esforzan en camuflar de distintas maneiras: cambios de empresa, contratación en fraude de lei, perda de antigüidade ao cambiar de contrato… CIG-Servizos continuará pelexando para que as empresas deixen de utilizar estas estrataxemas ilegais.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| PANFLETO_FINAL_TENDAS.pdf | 62.94 KB |
| PANFLETO_FINAL_ALMACEN.pdf | 50.04 KB |
| Acta_6a_sinatura_convenio.pdf | 1.27 MB |




