Trescentos delegados protestan contra os despedimentos na limpeza dun Alcampo vigués
Berros constantes na defensa dos postos e polo cumprimento do convenio provincial, sirenas e chifres atronaron ao longo da concentración solidaria coas empregadas despedidas, algunha das cales levaba 25 anos traballando neste centro.
Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos, responsabiliza Alcampo destes despedimentos: “Alcampo é unha empresa forte, que nos está botando un pulso e que pretende tirar abaixo o concepto de subrogación que vén recollido no noso convenio provincial". Estes despedimentos incrementan a conflitividade laboral nos estabelecementos desta multinacional na cidade. Xa houbo resposta do persoal á modificación dos horarios e mobilizacións contra tres despedimentos de afiliadas no restaurante Flunch.
O persoal de Amil cobra menos
Fernández informou que os 19 traballadores pertencentes á nova contrata están a cobrar 633 euros, ao se tratar esta dun centro especial de emprego. Segundo cálculos da CIG-Servizos viguesa, Alcampo aforrará deste xeito 90.000 euros ao ano. A Federación teme que esta práctica se estenda a outras empresas.
Máis mobilizacións
As mobilizacións continuarán fronte ao Alcampo de Coia o 13 de febreiro ás 18:00 horas e o día 19 ás 11:00.
Ofrecemos vídeo da concentración realizado polo colectivo Galiza contrainfo




