CIG-Servizos reitera a súa solicitude de readmisión do bombeiro do Morrazo despedido

Mani bombeiros 0 (20091030)
CIG-Servizos esixe a readmisión inmediata dun bombeiro do Parque Comarcal do Morrazo que se significou na loita polo convenio. A central nacionalista critica duramente os responsábeis da Deputación provincial que, no canto de mediar, tomaron parte pola concesionaria, Celta Prix. Os compañeiros do traballador represaliado anuncian mobilizacións contundentes encamiñadas a conseguir a súa readmisión.
01/3/10.

Celta Prix comunicoulles aos bombeiros que non readmitirá o compañeiro despedido. Por tanto, os traballadores emprenderán accións contundentes que non cesarán até conseguir o seu propósito.

Os empregados denuncian nunha nota de prensa a situación de desamparo que viven por mor das accións arbitrarias da concesionaria que son avaladas de maneira tácita pola Deputación de Pontevedra.

“Coa xestión privada do servizo, as empresas poden despedir quen lle sexa molesto. Cómpre salientar que, para acceder a este posto de traballo, os bombeiros tiveron que superar unha serie de probas que foron determinadas por diferentes administracións públicas. Esas probas serviron para escoller as persoas que foron quen de demostrar que estaban capacitadas para o desenvolvemento do traballo que se lles esixía. Agora todo iso non ten importancia. É a empresa quen decide quen lle vale e quen non. Iso si, as indemnizacións por despedimento pagámolas todos e todas os cidadáns”, denuncia o comunicado.

Despedimento improcedente

Recentemente, o Xulgado do Social número 3 de Pontevedra declarou improcedente este despedimento. Por conseguinte, a empresa ten a opción de readmitir o traballador ou de indemnizalo. Porén, Celta Prix recorreu o fallo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

AdxuntoTamaño
Nota_de_prensa_Bombeiros_Morrazo.pdf27.31 KB