Traballadores de deportes acampan indefinidamente na Coruña

20100304_acampada_deportes_corunha
Traballadores e traballadoras das instalacións deportivas iniciaron unha acampada indefinida no xardín da praza coruñesa onde teñen as sedes a delegación da Xunta e a Confederación de Empresarios. Preténdese que esta acción sirva para cominar a patronal a negociar e a desbloquear o conflito. No campamento participan empregados de diferentes puntos da provincia.
05/3/10.

“Non pensamos movernos até que se resolva o conflito”, advirte Adolfo Naya, da CIG-Servizos da Coruña. Coa protesta, o persoal quere trasladar á rúa a loita do sector e dar un toque de atención á patronal e maila Xunta. Vanse realizar quendas co obxecto de que os participantes na acampada non se desgasten excesivamente pois hai que lembrar o que o colectivo leva en folga indefinida desde o 1 de febreiro.

Máis de 24.000 euros recadados

A venda de bonos axuda está a surtir efecto. Un total de 24.000 euros foron repartidos entre os traballadores en folga no decurso de asembleas celebradas en diferentes comarcas galegas. En Ferrol recadáronse 2.700 euros, 3.000 en Pontevedra, 1.000 en Compostela e na Coruña superáronse os 4.000. A cantidade restante procede das unións comarcais e federacións que integran a CIG. A venda dos bonos continúa.

Tamén se están a pór en marcha outras iniciativas para conseguir recursos económicos. O 11 de marzo realizarase un maratón de actividades (aerobic, batuka, body combact, bailes de salón, etc) que se estenderá até as 22:00 horas. Unha hora máis tarde haberá un concerto do grupo “Ekilibrio”, monólogos e actuacións de dj´s. Ambas citas desenvolveranse na discoteca “Bambina”, en Santa Cristina, Oleiros. A recadación irá destinada ao colectivo en folga.