Deteñen o secretario comarcal da CIG-Servizos coruñesa
Cerqueiro, pouco antes de ser detido, recibiu unha chamada telefónica da policía na que se lle comunicaba que debía acudir a comisaría mais sen obter explicación algunha. Cerqueiro fixo caso omiso ao requirimento. Dous axentes presentáronse en apenas cinco minutos na porta do seu domicilio, onde o detiveron alegando vagamente que a súa privación de liberdade gardaba relación coa participación na folga das instalacións deportivas.
O secretario comarcal foi trasladado até a Xefatura Superior da Policía, situada nos xardíns de Méndez Núñez, onde permaneceu algo máis dunha hora. Cerqueiro negouse a prestar declaración. Un nutrido grupo de delegados e traballadores congregouse no exterior en canto se tivo coñecemento do cativerio do compañeiro.
O comportamento arbitrario dos axentes proseguiu ao longo da tarde. Aos poucos minutos de que Cerqueiro recobrase a liberdade, un traballador presente na concentración solidaria foi conducido até o interior da Xefatura para ser identificado tamén pola súa participación nos piquetes da folga. A mesma sorte correu o secretario nacional da Federación, Paulo Rubido.
A detención de Salvador Cerqueiro evidencia a persecución, criminalización e represión contra a CIG e contra os valores de loita e compromiso que esta representa.




