Continúan as concentracións fronte a Francisco Parada
Integrantes da CIG-Servizos continúan a se concentrar periodicamente fronte a estabelecementos de Francisco Parada para demandar o pagamento dos salarios a boa parte do persoal. Mesmo hai casos de traballadores que levan sete meses sen percibir o soldo. A tenda da rúa Fernando Macías da Coruña volveu ser o 10 de marzo o centro das protestas que o sindicato vén desenvolvendo dende hai unhas semanas.
Existen casos de empregados que se atopan de baixa laboral como consecuencia da situación. Xa se teñen presentado demandas xudiciais para rescindir os contratos posto que o patrón se nega sistematicamente a despedir os traballadores aos que lles adebeda varias mensualidades.
O empresario continúa sen decidirse a solicitar un concurso de acredores, a pesar de que a situación da compañía é de quebra absoluta e de ter contraídas débedas non só co cadro de persoal, senón tamén cos provedores e mesmo cos clientes.




