Deteñen o compañeiro Adolfo Naya pola súa participación na folga de deportes
A última detención garda bastantes similitudes coa que sufriu Salvador Cerqueiro oito días atrás. Naya recibiu unha chamada da policía na que o cominaban a acudir ás súas dependencias. O compañeiro, acompañado dunha avogada, presentouse voluntariamente na Xefatura Superior de Policía da Coruña ás 16:00 horas do 17 de marzo. Naya foi detido en canto se identificou e preguntou cal era motivo da comparecencia. De inmediato trasladárono até a comisaría de Lonzas, onde foi fichado. O sindicalista foi informado entón de que estaba acusado de cometer presuntamente un delito de coaccións durante a folga das instalacións deportivas. Naya, que non declarou, foi posto en liberdade dúas horas máis tarde. Agora agarda a citación para prestar declaración no xulgado de Instrución correspondente.
CIG-Servizos rexeita absolutamente estas actuacións abusivas, as falsas acusacións e a violación de dereitos fundamentais. Estas prácticas pretenden represaliar e criminalizar a loita exemplar que emprenderon os traballadores e traballadoras de instalacións deportivas.



