Seis operarios da limpeza do CPI de Panxón perderán os seus postos a partir de abril

Seis traballadores e traballadoras da empresa Limpiezas Germania que prestan os seus servizos no CPI de Panxón perderán os seus postos a partir do primeiro de abril. A Consellaría de Educación decidiu que o persoal laboral do centro (camareiros-limpadores) asuma as funcións que realizan os operarios da concesionaria.
23/3/10.

A situación agrávase aínda máis para os empregados. Limpiezas Germania indicou que non asumirá o pagamento das indemnizacións dos seus despedimentos porque “non pode” aboalos debido á antigüidade nos seus postos, 23 anos nomeadamente.

CIG-Servizos de Vigo xa solicitou unha xuntanza de carácter urxente con representantes da Consellaría de Educación co obxecto de procurar unha saída ao problema. De non ser así, a central adoptará as medidas sindicais oportunas. O departamento autonómico está a fomentar os despedimentos con este tipo de medidas. A Federación entende que existen varias solucións como prolongar a relación laboral do persoal da concesionaria até a súa idade de xubilación, tal como se fixera noutros centros de ensino.

Máis de dúas hectáreas de extensión

O CPI de Panxón posúe dúas hectáreas de extensión e consta, ademais do colexio, de residencia, polideportivo, aulas de FP e da Natureza, etc. O complexo ten máis de 3.500 superficies acristaladas, a cuxa limpeza a concesionaria dedicaba un operario en exclusiva.