A Xunta quere ampliar ilegalmente os días de apertura dos comercios en domingos e festivos

20081017_folga_comercio_corunha_07
A Xunta remitiu aos sindicatos un borrador de decreto para ampliar no que resta de ano en catro días, no caso da cidade de Compostela, e en dous nos demais concellos do país, o límite legal de oito xornadas anuais en que os comercios están autorizados a abrir en domingos e festivos. De aprobarse, o decreto será manifestamente ilegal por vulnerar, entre outras normas, o artigo 9.1 da Lei 13/2006 de Horarios Comerciais de Galiza. O Goberno autonómico actúa ao ditado dos intereses da asociación empresarial ANGED, a grande patronal da distribución, tal como recoñece no escrito enviado ás centrais sindicais.
13/4/10.

CIG-Servizos emprenderá todas as accións sindicais que estean ao seu alcance e proporá ao resto de sindicatos a convocatoria de folga para evitar a posta en marcha deste atropelo xurídico e contra os dereitos da clase traballadora. A central nacionalista tamén demandará xudicialmente a Administración autonómica no caso de que o Consello da Xunta aprobe o decreto, que será radicalmente nulo por contravir o artigo 9.1 da Lei 13/2006 de Horarios Comerciais de Galiza e, subsidiariamente, o artigo 62.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas.

A Lei de Horarios Comerciais de Galiza ofrece a posibilidade de ampliar os días de apertura dos comercios en domingos e festivos en zonas de grande afluencia turística. A determinación destas áreas xorde a proposta dos concellos afectados que a terán que aprobar en pleno por maioría absoluta. Pois ben, neste caso a Dirección Xeral de Comercio da Xunta ignora este precepto legal e substitúe a iniciativa dos concellos e a conseguinte aprobación nos seus plenos por un informe da Federación Galega de Municipios de Provincias “coa finalidade de acadar unha maior axilidade na tramitación do procedemento e, ao mesmo tempo, evitar que esta medida resulte fallida por mor da falta de iniciativa local”.

CIG-Servizos considera estes feitos dunha enorme gravidade pois evidencian que o Goberno da Xunta aproba normas pensando nos beneficios da grande patronal en detrimento dos dereitos dos traballadores e dos pequenos comerciantes.