Informe xurídico da CIG confirma a ilegalidade do decreto dos horarios comerciais
Deseguido reproducimos polo seu interese o informe elaborado pola Asesoría Xurídica da CIG:
A lei 13/2006, de 27 de decembro, establece de xeito inequívoco, na súa exposición de motivos, a vontade de preservar o modelo comercial galego, que se caracteriza pola relevante presenza do comercio polo miúdo, e que trae consigo abundantes efectos positivos na sociedade. Como son a vertebración dos núcleos de poboación, facéndoos máis habitables e seguros. Representando tamén, un factor clave dende o punto de vista económico na vida das vilas e cidades galegas.
Neste contexto, a regulamentación dos horarios preséntase como un elemento esencial na ordenación do comercio, que permite facer posible o equilibrio entre grandes empresas e pequenas.
Pois ben, o artigo 5 da citada lei 13/2006 fixa de xeito taxativo, que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ó público, como máximo 8 domingos ou días festivos ó ano.
O presente proxecto de decreto, que por parte da Dirección Xeral de Comercio se nos está a presentar, sería completamente nulo, polos seguintes argumentos:
- En primeiro lugar, o Goberno da Xunta de Galicia estase arrogando competencias que non lle corresponden e está a vulnerar a autonomía municipal, consagrada no artigo 140 da Constitución Española.
En efecto, a iniciativa na determinación de zonas de influencia turística (artigo 9.1 da lei) correspóndelle ó pleno do Concello, que deberá aprobala por maioría absoluta, fixando o territorio sobre o que se pide a declaración, os períodos, e a franxa horaria.
A Administración Autonómica está a furtar un debate profundamente político, en cada un dos concellos de Galiza, ó pretender motu propio declarar todo o país como zona de grande afluencia turística. Obrigando a todos os Concellos, a que o seu territorio teña esta consideración, incluso contra a súa vontade, e polo tanto os seus comercios poidan abrir, cando menos, dous días máis ó ano (catro no caso de Santiago).
- En segundo lugar, estase a vulnerar o procedemento legalmente previsto, non só porque a iniciativa está a ser usurpada pola Administración Autonómica, senón porque se está a substituír o papel de cada Concello no seu territorio, polo informe da Federación Galega de Municipios e Provincias, que expresará á vontade dos Concellos como un todo, desprezando a independencia individual de cada un.
Por certo, dado que non se fai mención expresa, debe entenderse que dito informe ten carácter non vinculante. Podendo darse o caso, de que incluso aínda que informase a FEGAMP negativamente, este proxecto fose adiante.
- En terceiro lugar, o Goberno da Xunta de Galicia está a defraudar as previsións do citado artigo 5 da lei 13/2006, que establece o máximo anual de 8 festivos laborables, e só excepcionalmente a posibilidade de aumentar ese máximo.
As excepcións son taxadas, e a súa regulación flexible non pode desvirtuar a norma, como sucede no presente caso.
Así, a zona de afluencia turística é un concepto xurídico indeterminado que actúa como excepción á regra xeral de 8 festivos, pero é limitada xeograficamente a un ámbito municipal.
Sen embargo, mediante o presente proxecto, a Administración Autonómica actúa en fraude de lei, proscrito polo artigo 6.4 do Código Civil, pretendendo converter o ámbito local en autonómico, e dese xeito saltar o mandato inequivocamente recollido no citado artigo 5 da lei de non superar os 8 festivos anuais. É dicir, a excepción convértese en regra.




