CIG-Servizos presentará conflito colectivo nas residencias privadas

concentracion_xeriatrico_chantada_convenio.jpg
CIG-Servizos e CC.OO presentarán un conflito colectivo para desatascar a negociación do convenio autonómico de residencias privadas da terceira idade. A patronal segue mantendo unha postura inflexíbel e teima en eliminar do texto galego a cláusula de equiparación coas condicións máis beneficiosas do estatal. Ambas centrais adiantaron que as mobilizacións proseguirán. Pola súa banda, UGT continúa coa súa actitude autista e cómplice cos empresarios.
21/4/10.

Na mediación do AGA do 20 de abril cumpríronse as peores expectativas e a patronal non aceptou ningunha das propostas da CIG-Servizos e CC.OO. É máis, só está disposta a negociar exclusivamente sobre a súa plataforma e non admite modificación algunha que supoña máis que un pequeno retoque. E por suposto, quere suprimir a Disposición Adicional 4ª do convenio galego.

Diante desta situación, non quedou máis remedio que dar por rematada a mediación no AGA pola imposibilidade de chegar a un acordo minimamente razoábel cunha patronal que cada día amosa máis chulería e desprezo cara aos traballadores do sector. CIG-Servizos e CC.OO presentarán un conflito colectivo para que os empresarios acudan a unha arbitraxe que determine que os aspectos máis beneficiosos do convenio estatal son aplicábeis aos empregados/as da Galiza, tal como estabelecen o artigo 5º e a Disposición Adicional 4ª do texto autonómico.

AdxuntoTamaño
Panfleto residencias 1131.21 KB