Despedidas da limpeza do CPI de Panxón protestan na Consellaría de Educación
Estes seis traballadores e traballadoras perderon os seus postos o 1 de abril como consecuencia da decisión da Consellaría de Educación de que o persoal laboral do centro (camareiros-limpadores) asumise as funcións que realizaban. As empregadas e empregados afectados, que pertencían á compañía Limpiezas Germania, teñen idades comprendidas entre os 46 e 64 anos e catro deles acumulan unha antigüidade no centro superior aos 20. Tan só dous se poden acoller a unha prexubilación.
CIG-Servizos de Vigo considera que o traballo que realizaban os compañeiros despedidos segue a ser necesario tendo en conta a grande dimensión do centro, que dispón de dúas hectáreas de terreo, máis de 3.500 xanelas, comedor, polideportivo, entre outras dependencias.




