Expedientan os asinantes do convenio de seguridade privada por “vulnerar a competencia”

A “Comisión Nacional de la Competencia” incoou un expediente sancionador contra as organizacións empresariais e sindicais que asinaron o convenio estatal de seguridade privada dos anos 2005-2008. Este organismo administrativo entende que o artigo 14 do texto infrinxe a normativa sobre a defensa da competencia, “ao estabelecer un sistema de subrogación de traballadores nos servizos de transporte e manipulado de fondos que podería resultar excesivamente gravoso para as empresas adxudicatarias”.
23/4/10.

A Dirección de Investigación da Comisión Nacional de la Competencia abriu un expediente sancionador contra a Asociación Profesional de Compañías Privadas de Servicios de Seguridad de España (APROSER), a Federación Empresarial Española de Seguridad (FES), a Asociación de Medios, Profesionales y Empresas de Seguridad (AMPES), a Asociación Catalana de Empresas de Seguridad (ACAES), a Federación Estatal de Servicios de la Unión General de Trabajadores (FES-UGT) e a Federación de Trabajadores de Seguridad Privada de la Unión Sindical Obrera (FTSP-USO), por posíbeis “prácticas anticompetitivas” consistentes na aprobación e posterior aplicación do artigo 14 do Convenio Colectivo Estatal das Empresas de Seguridade 2005-2008.

A Comisión Nacional de la Competencia entende que dito precepto vulnera a normativa existente sobre a materia pois “estabelece un sistema de subrogación de traballadores nos servizos de transporte e manipulado de fondos que podería resultar excesivamente gravoso para as empresas adxudicatarias, xa que desincentiva a entrada de competidores na prestación de ditos servizos e restrinxe a competencia no sector”.

A partir de agora ábrese un período máximo de 18 meses para a instrución do expediente e para a súa resolución pola CNC.