A Xunta recúa e os comercios non abrirán máis festivos dos estabelecidos por lei
A rapidez e contundencia coa que se actuou impediu que se materializase este atropelo contra os traballadores que desde hai tempo ansían as grandes empresas da distribución. O seu obxectivo é a liberalización total das aperturas comerciais, como acontece no centro de Madrid onde se pode abrir todos os domingos do ano.
CIG-Servizos entende que a grande patronal do sector intentará por todos os medios conseguir o seu obxectivo e para iso contará novamente coa aquiescencia do Goberno autonómico. Por tanto, resulta imprescindíbel permanecer alerta. Os traballadores organizados, informados e que saben loitar polos seus dereitos sempre conseguen mellores condicións laborais (no País Vasco, a pesar de moitos intentos das patronais, non se abre ningún domingo ou festivo, nin sequera El Corte Inglés).
Por conseguinte, en Galiza, no que resta de ano, os únicos festivos autorizados de apertura para o gran comercio son os que xa estaban marcados:
- 4 de xullo
- 5 de decembro
- 12 de decembro
- 19 de decembro
- 26 de decembro
Brigadas do comercio na Coruña
Un grupo de afiliadas e delegadas no comercio vario da CIG-Servizos coruñesa organizou unhas brigadas informativas que desde hai semanas percorren durante os venres estabelecementos da cidade, onde asesoran os traballadores e traballadoras acerca dos dereitos que os asisten. O labor das compañeiras non sempre é doado, como aconteceu hai quince días cando foron incomodadas por vixilantes de seguridade privada mentres repartían convenios nun centro comercial da cidade.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| Panfleto repartido polos comercios | 36.71 KB |



