CIG-Servizos edita un caderno co convenio do comercio de alimentación coruñés

CIG-Servizos editou un caderno co convenio do comercio de alimentación da provincia da Coruña dos anos 2009-2011, que ademais dispón de táboas salariais, de información laboral básica e dos enderezos postais e electrónicos dos locais da Federación. O caderno ha ser repartido nos vindeiros días entre as traballadoras e traballadores do sector.
24/4/10.

Reproducimos o limiar da publicación que contén a análise crítica da Federación acerca deste convenio:

Nos últimos anos, a representatividade da CIG no comercio de alimentación aumentou grazas ao apoio dos traballadores e traballadoras. Debido a isto, o escenario da negociación presentouse moi distinto a anteriores ocasións e, ante o habitual desprezo desta patronal polos seus traballadores, convocouse folga, por primeira vez xunto cos compañeiros de Pontevedra. Esta folga conseguiu modificar substancialmente a posición inicial das empresas —lembrémo-los 8 €/mes que ofrecían ao principio—, pero ficou insuficiente ao aumenta-la discriminación dunha parte non pequena do sector (almacéns e oficinas) ou non entrar a regular aspectos importantísimos para os traballadores do comercio como a xornada laboral. Atopámonos, de novo, cunha patronal chorona e mentireira que alegaba unha crise que, en realidade, está fortalecendo aos grandes do sector. De feito, unha vez rematada a folga, GADIS presumía e exhibía os resultados económicos que antes agochaba. A CIG xa sabía con quen trataba… parece que outros non.

O resto dos sindicatos decidiron asinar, a pesar de saber que deixaban fóra un colectivo que apoiou masivamente as mobilizacións e, polo tanto, se xogou o seu posto de traballo. Parece que, como noutras ocasións, o único que lles importa é quedar ben coa patronal. A CIG non actúa así. 

Durante toda a negociación, incluíndo a folga, a CIG foi unha parte vital que puxo moi alto o nivel das reivindicacións e liderou unhas mobilizacións impensables anos atrás, cando aínda non contabamos co apoio de tantos traballadores e traballadoras. Sen embargo, non asinamos este convenio principalmente porque consagra a grave discriminación que levan padecendo durante moitos anos os traballadores dos almacéns e das oficinas, aos que se lles nega unha vez máis a aplicación das cláusulas que obrigan a ascender de categoría (coa conseguinte suba salarial) e que si goza o persoal das tendas. Nunca imos asinar un convenio que non aplique por igual as súas cláusulas a tódolos traballadores, e continuaremos traballando igual que até o de agora para solucionar estes agravios.

Na CIG non renunciaremos en ningún momento a seguir loitando para eliminar este desprezo e discriminación e continuaremos na mesma liña de reivindicación mentres non se solucione este problema.

Tamén somos conscientes de que a promoción profesional que recolle o convenio para as categorías das tendas depende moito da antigüidade que teña recoñecida o persoal. Antigüidade que as empresas se esforzan en camuflar de distintas maneiras: cambios de empresa, contratación en fraude de lei, perda de antigüidade ao cambiar de contrato… A CIG continuará pelexando para que as empresas deixen de utilizar estas estrataxemas ilegais.

O que si cremos que quedou moi claro é a relación directa entre a maior presenza da CIG no sector e a combatividade e loita por unhas mellores condicións laborais. Na CIG, sempre ao servizo do traballador.