XADE despide un socorrista que secundou a folga de deportes
Francisco Manrique, que así se chama o compañeiro, foi despedido o 5 de abril polos directivos da empresa Santiago López Cuadrado e X. Antón Antelo Lema. O motivo esgrimido polos patróns, segundo se explica no blog dos afiliados, é tan peregrino como pedir unha diminución de xornada por estudos e traballar nun restaurante, “nada que prexudique a empresa”, afirma o afectado.
Os traballadores de Xade aprobaron varias propostas de apoio a Manrique na asemblea celebrada o 19 de abril, na que non puido participar o compañeiro porque llo impediron dous vixilantes apostados na entrada do Multiusos, contratados exclusivamente para tal función. Na porta tamén estaban, xunto aos gardas de seguridade, Cuadrado e Antelo.
O 23 de abril realizouse a primeira protesta para demandar a readmisión do socorrista represaliado. Concentráronse por volta de corenta persoas diante do Multiusos. Tamén se repartiron 600 boletíns informativos aos asistentes a un espectáculo circense celebrado ese día.




