Persoal do comercio téxtil pontevedrés volve a mobilizarse para acadar melloras
“Ortega chulazo, reparte con nós os cartos” e “Ortega nós tamén queremos ter un barco”, ambas en alusión ao dono de Inditex, foron as consignas máis proferidas no decurso da manifestación, que contou cunha participación maioritaria de traballadores e traballadoras deste grupo téxtil. De feito, a marcha detívose diante de cada un dos estabelecementos do emporio que atopaba ao seu paso. Cómpre lembrar que Inditex se nega a participar na negociación, malia posuír o maior número de estabelecementos no sector.
Reclamacións da parte social
Os sindicatos reclaman que os salarios das dependentas e dependentes, a categoría á que pertence a maioría do persoal, alcancen en dous anos os 1.000 euros. Na actualidade, están a percibir pouco máis de 800. Do mesmo xeito, a parte social demanda unha suba lineal para o resto de categorías.
Tamén se solicitan medidas que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral e que os empregados e empregadas que prestan os seus servizos a tempo parcial teñan preferencia á hora de realizárense contratacións a tempo completo.