Vegalsa acentúa a represión e sanciona a presidenta do comité da Coruña

20100513_eroski_agrela
Vegalsa-Eroski está a aumentar a campaña de acoso e represalias sobre os traballadores e representantes do persoal que lle plantan cara. Este grupo de alimentación vén de sancionar, baixo acusacións insidiosas, a presidenta do comité da Coruña, que é delegada da CIG-Servizos, con suspensión de emprego e soldo durante 16 días. A central está a se mobilizar para denunciar os abusos da empresa.
14/5/10.

Delegados e delegadas da CIG-Servizos concentráronse o 13 de maio diante da sede de Vegalsa-Eroski no Polígono de Agrela para denunciar a política de represión sindical que a empresa está a pór en práctica.

Roberto Pérez Vila, responsábel comarcal do Comercio, explica que o sindicato está a desenvolver unha campaña exhaustiva de información aos traballadores e traballadoras de Vegalsa “que molesta máis a empresa que calquera protesta, porque esta pretende que o persoal estea desinformado sobre a realidade dos seus salarios e dereitos”.  Segundo o sindicalista, a compañía busca “aniquilar os sindicatos, en vez de dialogar”, tal como o demostra coa sanción á presidenta do comité de empresa.