Centos de bombeiros reclaman en Lugo a xestión pública dos parques comarcais
Pedro Pérez, da Executiva Federal da CIG-Servizos, explicou que a Deputación de Lugo presentou as bases para a creación do Consorcio provincial de emerxencias baixo o modelo da xestión pública, aínda que corre o risco de privatizarse “xa que a Xunta se nega a achegar o 50% da axuda económica que lle corresponde”. Neste sentido, Pérez entende que a Deputación luguesa “segue apostando pola xestión directa do parque pero atópase coa oposición da Xunta, que pretende pasar todos os servizos á xestión privada”.
A manifestación contou coa participación de bombeiros chegados desde diferentes comarcas do país e desenvolveuse baixo o lema “En defensa dun servizo público galego de prevención, extinción de incendios e salvamento. Contra a privatización da xestión das emerxencias e por un Estatuto do bombeiro profesional”. Non se produciron incidentes pese ao vasto e desmedido despregamento policial. Nesta ocasión os axentes non provocaron episodios de violencia a diferenza dos que protagonizaran meses atrás nunha marcha na Coruña.
As mobilizacións proseguirán nos vindeiros meses cunha peregrinación a Compostela, entre outras accións.



