CIG-Servizos convoca unha manifestación de vixilantes na apertura do IKEA coruñés

CIG-Servizos anima todos os vixilantes de seguridade a asistir á manifestación que convocou en coincidencia coa inauguración do IKEA na Coruña o 20 de xullo. A protesta servirá para dar a coñecer á cidadanía as demandas do sector, que reclama un convenio digno e con dereitos. A marcha dará comezo ás 10:00 horas.
09/7/10.

A Federación de Servizos da CIG retoma deste xeito as mobilizacións debido á continua parálise que está a atravesar a negociación do convenio.

De seguido reproducimos o último comunicado do sector da seguridade privada da CIG-Servizos:

Como xa sabedes, o pasado xoves 24 de xuño tivo lugar unha nova xuntanza de negociación do Convénio Colectivo de Seguridade Privada. E novamente, asistimos a unha vergoñenta situación na cal a patronal, coa sua chuleria habitual, mesmo retirou a sua anterior oferta salarial (0% no 2009, 0,3% no 2010), para non ofrecer nada e pospoñer a negociación a outubro, a cal seguirá ou non “en función da situación económica do estado español”. Todo apunta a seguir sen convénio xa non só o 2009 e o 2010, senón probablemente o propio 2011. Desta volta todas as centrais sindicais (afortunadamente) manifestamos unitariamente o noso rexeitamento a esta postura.

Desgrazadamente, non podemos falar na seguridade privada nen sequer de conxelación salarial. O que está acontecendo é perda de poder adquisitivo. E isto é facilmente explicable. De entrada, xa perdimos o IPC final dos anos 2008 (1,4%) e 2009 (0,8%). Igualmente, no 2010, o Governo do estado español subeu o IRPF en 400 euros, o que representa exactamente un 2,57% sobre o salário dun Vixiante de Seguridade en cómputo anual. Asimesmo, a suba do 2% no IVA en todos os productos de consumo a partires de xullo do 2010, fai que o total acumulado de perda salarial real e directa sexa desde o 2009 dun 6,77%. É dicir, desde o ano 2009, temos de perda de poder adquisitivo 87 euros mensuais e 1051,5 euros anuais. Os traballadores e traballadoras da Seguridade Privada non estamos co salário conxelado, estamos perdendo cartos. E namentres as empresas seguen a actualizar os prezos aos clientes e continuan a manter as suas marxes de benefício.

Non queremos nesta folla informativa voltar a falar da lamentábel actuación sindical que non é capaz de topar saidas a esta situación. O único que temos claro desde a CIG é que isto non pode seguir así. Non podemos permanecer calados como traballadores e traballadoras e seguir a perder direitos. Non podemos estar quietos namentres nos chulean e rouban o salário que gañamos traballando todos os meses. Hai que mobilizarse e loitar.

É por ese motivo polo cal, desde a CIG, decidimos retomar as mobilizacións por un Convénio Digno e con Direitos, entendendo que só este camiño será o que nos permita recuperar o que nos están roubando. E comezaremos na Coruña, o dia 20 de xullo, realizando unha concentración-manifestación coincidindo coa apertura do IKEA nesta cidade. Pensamos que é unha boa ocasión para dar a coñecer a situación do sector a toda a cidadania que acuda a esta inauguración. Participa e loita!!.

20 de xullo, ás 10:00 h., todos e todas á inauguración do IKEA na Coruña!!