Vixilantes de seguridade protestan contra o bloqueo do convenio na apertura do IKEA
Un cento de vixilantes de seguridade privada de toda Galiza tomou parte na concentración convocada pola CIG-Servizos o 20 de xullo en coincidencia coa apertura do estabelecemento de IKEA na Coruña. A protesta serviu para visualizar ante a cidadanía o rexeitamento do sector ante a parálise da negociación do convenio, estancada por mor da inflexibilidade da patronal.
Os patróns propoñen retomar a negociación do convenio unha vez conclúan os trámites parlamentarios para aprobación definitiva da reforma laboral, posibelmente a mediados de setembro.
Amparándose na “importantísima incerteza” que están a ocasionar os cambios no marco normativo e aducindo que o importante é o “mantemento do emprego”, os empresarios consideran “inviábel” a proposta económica que presentaran o 12 de abril, que consistía na conxelación salarial en 2009 e 2010.




