Persoal do almacén de Narón de Pull&Bear inicia mobilizacións para mellorar o acordo de empresa

pull_and_bear_naron
Empregados do Almacén Loxístico de Pull&Bear iniciaron mobilizacións o 20 de xullo diante do centro de traballo, situado no polígono naronés de Río do Pozo, para demandar que o novo acordo de empresa conteña melloras salariais e sociais. As protestas retomaranse no mes de setembro.
21/7/10.

A negociación comezou en xaneiro pasado e na actualidade atópase paralizada. A vixencia do acordo actual expirou en decembro de 2009.

Na súa oferta, a empresa aposta por subas salariais ridículas. O persoal da planta de Narón percibe retribucións inferiores ás que reciben compañeiros e compañeiras doutras plataformas loxísticas de Inditex. A este respecto, a CIG-Servizos ferrolá censura a avaricia da multinacional comandada por Amancio Ortega que, malia obter importantes beneficios e incrementar a súa actividade comercial, rexeita a plataforma presentada pola parte social.