O comité de Zara Logística denuncia incumprimentos da Lei de Prevención
A política do Grupo Inditex en saúde laboral carece de ningunha planificación e as baixas por problemas músculo-esqueléticos aumentan cada ano sen que a empresa adopte ningunha medida preventiva importante. Os accidentes graves ocúltanse aos representantes dos traballadores e a Lei de Prevención de Riscos Laborais incúmprese en innumerábeis ocasións.
O comité de empresa decidiu facer públicas estas graves irregularidades e poñelas en coñecemento da Inspección de Traballo para que tome as medidas legais oportunas. Os representantes do persoal intentaron consensuar solucións no comité de seguridade e saúde mais a empresa respondeu con falta de interese e evasivas.
A denuncia fundaméntase nos seguintes puntos:
- Falta do deber de información e consulta aos traballadores e aos seus representantes.
- Falta de coordinación da actividade empresarial coas moitas empresas subcontratadas no almacén debido ás obras que se están a realizar.
- Incumprimento da vixilancia da saúde ao non realizar os recoñecementos médicos anuais.
- Nulo mantemento de certos equipos e zonas de traballo, o que provoca accidentes que non se comunican aos Delegados de Prevención.




