Comunicado dos comités provinciais de SEAGA ante a morte dos dous compañeiros no incendio de Fornelos

Comités provinciais de SEAGA
Os representantes dos traballadores denuncian a precariedade das condicións laborais nesta empresa pública, cuxo persoal conta con equipos de protección individual inadecuados ou con contratos que en moitos casos non superan os 20 días. Acusan a Xunta de fomentar un modelo que concibe a extinción como un negocio que dá prioridade ao aforro de custes en detrimento da prevención.
01/9/10.

Os Comités de SEAGA, diante do accidente acontecido en Fornelos de Montes o pasado 12 de agosto, e co resultado da morte de dous compañeiros de traballo desta empresa, queremos manifestar o seguinte :

1º.- Por parte destes Comités, e como seguramente xa sabedes, optamos neste caso inicialmente pola máis absoluta prudencia á hora de realizar valoracións sobre do acontecido. Unicamente emitimos nun primeiro momento un comunicado de apoio ás famílias e amigos dos finados, así como esiximos unha investigación por parte da empresa do acontecido, na cal estes Comités puideramos participar. Desde o accidente, temos comprobado através dos medios de comunicación como desde diferentes ámbitos teñense realizado declaracións, moitas delas desafortunadas e desde o descoñecimento, que en nada contribuen a aclarar os feitos, e que en todo caso só valen para crear máis intranquilidade en quen sufre a perda dun ser querido, e se involucra a terceiras persoas sen ter comprobado o seu grao de participación.

Neste sentido, non podemos compartir especulacións e rumores que incluso apuntaban a responsabilidades directas de compañeiros de traballo dos brigadistas. Sobre este extremo, estes Comités quere aclarar o seguinte. No accidente hai duas brigadas implicadas. Unha de SEAGA, conformada por cinco traballadores, e outra da Xunta de Galiza, formada por dous traballadores. Como xa sabedes, na extinción de incéndios actua persoal propio da Xunta, e por outra parte persoal da empresa pública SEAGA. É moi habitual que coincidan na extinción dos incendios forestais. Este era o caso. Sobre este tema, e a actuación concreta desenvolta o dia do incendio, hai unha investigación xudicial aberta. E debe ser o xulgado quen en todo caso aclare os extremos do acontecido. Non existe nengún atestado pericial emitido por este xulgado. As persoas implicadas ainda están declarando. Polo tanto, calquer especulación que aponte a responsabilide directa de alguén que actuou no lume, de momento é falsa. Sobre este tema solicitamos extrema prudencia. Ninguén pode obviar, que é moi perigoso apuntar publicamente a alguén, sobre todo cando non se ten a certeza de que iso sexa certo. Entendemos que hai que agardar a que o xulgado traballe.

Por outra parte, tampouco podemos compartir a quen atribue á falta de cualificación dos e  das traballadoras de SEAGA a responsabilidade de non saber actuar nos incendios, e quen aproveita este feito para poñer aos traballadores directos da Xunta nun plano superior. Hai traballadores en SEAGA que teñen experiencia de moitas campañas, e que teñen traballado en campañas anteriores na Xunta. Como era o caso dos accidentados. Cousa diferente é o sistema de selección de persoal e as prioridades da Conselleria de Medio Rural á hora de seleccionar ao persoal, quen non prima ao persoal con experiencia. Diso falaremos máis adiante. Pero non se pode culpabilizar a todo un colectivo dunha responsabilidade que en todo caso só é da Xunta. E non é correcto crear guerras artificiais entre traballadores de SEAGA e da Xunta. Neste tema estamos todos xuntos.

Estes Comités queremos informar, ademais, que a nosa esixencia de poder participar na investigación realizada pola empresa non foi atendida. Finalmente, a empresa decideu non contar coa representación dos traballadores, e só eles están a traballar neste tema. Eles saberán por que. E eles saberán que é o que teñen que ocultar ou que non nos poden dicir. En todo caso, os Comités de SEAGA nos desvinculamos publicamente e desde xa de calquer información que a empresa poida aportar sobre o accidente. Informe, que por certo, non teñen rematado. E a información que de momento nos teñen transmitido apenas é mais do que xa ten saido nos medios de comunicación. Nen sequer se nos aportou ainda a póliza de responsabilidade civil obrigatória en caso de accidente de traballo. E iso que participar na elaboración do informe do accidente é un direito da representación dos traballadores. 

Por outra parte, tamén vos queremos informar que o pasado martes 17 de agosto a empresa foi citada pola Inspección de Traballo para dar conta do accidente de traballo, tal e como é preceptivo legalmente. E nesta cita en inspección, quedou claramente acreditado que a empresa non está nen moito menos ao dia nas suas obrigas en materia de prevención, seguridade e formación. Vala como exemplo o requerimento realizado pola Inspección, para que no prazo dunha semana forme en situacións de emerxencia a 2400 traballadores que actualmente traballan en SEAGA na extinción de incendios. O que demostra que esta empresa nen sequer preparou aos seus traballadores para situacións de risco que no lume se producen. E nesta semana, a empresa está a repartir unha folla informativa, e dar unha charla de 5 minutos a todos os traballadores, para previr situacións como a de Fornelos. E iso no medio da campaña non é normal.

Como non é normal que non se cumpran as normas mínimas de prevención, nen os equipos de protección individual cumpran cos mínimos requisitos. Así, na avaliación de prevención de riscos laborais realizada pola empresa aparecen identificados e avaliados os riscos seguintes:

  • Contactos térmicos, radiación en ataque directo ou indirecto no desenvolvemento dos traballos de extinción.
  • Inhalación/inxestión de sustancias nocivas, derivado dos fumes dos incendios.

Con respecto ao primeiro risco mencionado, a empresa, no programa anual da planificación da actividade preventiva, propon o subministro de fundas ignífugas para os traballos de extinción.

Ditas fundas son subministradas efectivamente pola empresa, e nas instrucións de uso e mantemento do fabricante sinálase que a prenda perde as súas características ignífugas a partir de un certo número de ciclos de lavado.

As fundas lávanas os traballadores polos seus propios medios. E se a isto se engade que moitas das prendas subministradas son usadasfóra de todo control ou garantía por parte da empresa. de outras campañas, o coñecemento sobre o seu número de ciclos de lavado e a permanencia das propiedades ignífugas están

Que con respecto ao segundo risco mencionado, proponse o subministro de máscaras de protección respiratoria para evitar respirar polvos, fumes, gases e vapores que poden ser tóxicos, corrosivos ou irritantes. A empresa facilita máscaras de diversos modelos con nivel de protección máximo P3.

Asemade, no manual de formación entregado aos traballadores, elaborado pola empresa, nas súas páxinas 115 e 116 fai una descrición dos tipos de máscara subministradas, e na referida aos filtros tipo III indícase que non protexen contra a inhalación de gases tóxicos como o CO (monóxido de carbono.),

Que no documento do programa anual, aparece o establecemento de protocolos e procedementos de traballo por escrito, con período de implantación durante todo o ano. Ata o de agora os traballadores e os seus representantes non teñen coñecemento de ditos documentos.

Que o documento do programa anual da planificación da actividade preventiva para este ano facilitado aos delegados de prevención ten data do 2008, sen que teñamos constancia da súa revisión ou actualización.

Que ante situación de máximo risco, como o atoparse rodeados polo fume ou polas lapas, os traballadores non recibiron formación nin prácticas específicas sobre como actuar, así como de non dispor de equipos para tales situacións extremas como as mantas ignífugas e equipos de respiración asistida de emerxencia ou similares, que se ben non evitan a situación, poden diminuír as consecuencias da mesma sobre a saúde dos traballadores. E por iso inspección lle realizou o requerimento á empresa.

Igualmente, non podemos deixar de mencionar que ainda a dia de hoxe hai brigadas incompletas, e que o material que se suministra é inexistente e deficiente. Mesmo se carecen de linternas para traballar de noite, ou as que se dan non cumpren os mínimos. Vala como exemplo, que da birgada de Fornelos, dos tres traballadores que actuaron cos falecidos, un levaba a sua linterna da casa, outro unha linterna de petaca e o terceiro unha linterna de cabeza que non cumpre os mínimos requisitos.

Os Comités de SEAGA temos claro que os accidentes no noso traballo poden ocurrir, leves a equipamenta que leves. Pero tamén temos moi claro que se un traballador acude preparado e con equipamenta ao lume, ten moitas máis posibilidades de non ter accidentes, ou sair deles pouco damnificado.