Convocada folga en Neira & Ortegal o 2 de setembro en contra do ERE
A asemblea de traballadoras/es rexeita o ERE porque non asegura a viabilidade da compañía e presenta moitas irregularidades. Neira & Ortegal S.L é o resultado da fusión, en 2008, das empresas Almacenes Neira S.L e Ortegal Baño S.L. O seu cadro de persoal chegou a ser de 90 traballadores/as.
En febreiro deste ano, a empresa iniciou o procedemento para realizar un ERE de extinción alegando causas económicas e produtivas. O comité denuncia que durante todo este tempo a sociedade utilizou como arma de presión o atraso no pagamento dos salarios e neste intre adebédalles aos empregados a nómina do mes de xullo e mais a paga extra.
Os representantes dos traballadores informan que a compañía quere vender unha parte importante das súas accións á construtora lucense Construdeco S.L., que condiciona a operación ao despedimento de 30 empregados a través dun ERE.
“Decatámonos de que existen enormes lagoas na información facilitada pola empresa, que nos impiden poder verificar a situación real da mesma”, conclúen desde o comité tras analizaren os documentos aportados pola sociedade. O órgano de representación do persoal lamenta que tampouco se facilite información algunha que avalíe a viabilidade de Neira & Ortegal.



