CIG-Servizos demanda Serviasistencia e o Concello de Ferrol por impagamento ás empregadas
CIG-Servizos ten constancia de que hai empregadas que levan nove meses sen librar. Tamén de que Serviasistencia non aboa o plus de nocturnidade e de que non computa como tempo efectivo de traballo os desprazamentos que realiza o persoal entre os domicilios das persoas que atende.
“O comportamento desta empresa parécenos temerario, caciquil, chulesco e abusivo cara unhas traballadoras que fixeron tanto por ela e polos usuarios”, expresa Rocío Doce, da CIG-Servizos de Ferrol. De non ser polas operarias, “Serviasistencia estaría fóra do Concello e as traballadoras, subrogadas noutra empresa cobrando e librando”.
CIG-Servizos de Ferrol manifesta que non vai consentir este tipo de comportamentos cara a clase traballadora e anuncia a adopción das medidas oportunas.



