Convocados paros e folga no almacén de Pull&Bear de Narón

O cadro de persoal do almacén loxístico de Pull&Bear de Narón está convocado a unha folga que se estenderá do 28 de setembro até as 03:00 horas do 1 de outubro. Do mesmo xeito, os traballadores e traballadoras están a secundar exitosamente paros dunha hora os domingos e martes nas quendas de mañá e noite. Todas estas accións de protesta están encamiñadas á consecución dun pacto de empresa con melloras salariais e sociais. No caso de que non se produzan avances, a folga repetirase novamente os días 5, 6, 7, 10 e 11 de outubro.
14/9/10.

A negociación comezou en xaneiro pasado e na actualidade atópase paralizada. A vixencia do acordo actual expirou en decembro de 2009.

Na súa oferta, a empresa aposta por subas salariais ridículas. O persoal da planta de Narón percibe retribucións inferiores ás que reciben compañeiros e compañeiras doutras plataformas loxísticas de Inditex. A este respecto, a CIG-Servizos ferrolá censura a avaricia da multinacional comandada por Amancio Ortega que, malia obter importantes beneficios e incrementar a súa actividade comercial, rexeita a plataforma presentada pola parte social.