A autoridade laboral rexeita o ERE de Neira & Ortegal

A Consellería de Traballo rexeitou o ERE presentado por Neira & Ortegal por deficiencias na documentación e indicio de fraude de lei por incluír e posteriormente retirar do expediente catro familiares directos dos socios. A intención da sociedade era suprimir 19 postos de traballo.
18/9/10.

A resolución entende que as causas económicas só se acreditan de forma dubidosa, porque non se aportan suficientes datos como para demostrar perdas durante un período suficiente. Estas, segundo a Consellería, poden deberse tanto á crise como á propia política seguida pola empresa (adquisición do novo inmóbel en Narón, contratacións sen xustificar, aluguer de vehículos de alta gama “Volvo” e “Mercedes” en plena recesión, etc).

Constatouse que a empresa tentou beneficiar co ERE catro supostas traballadoras (familiares directos dos socios) que, ademais, foron dadas de baixa na sociedade en canto o inspector requiriu datos sobre elas. “É tan significativa a forma na que se produciu a baixa que se considera que a empresa incorreu en fraude de lei”, salienta o ditame de Traballo. Tamén se reflicte a contratación en prácticas dun fillo dun socio cando a empresa xa alegaba que sobraba persoal.

"A unidade e firmeza do cadro de persoal de Neira & Ortegal S.L. fixo posíbel a defensa dos postos de traballo, pese ás presións da empresa. A folga xeral convocada para o 29 de setembro ten que ser unha resposta, tamén de unidade e firmeza, para enfrontar estas situacións de abuso das empresas que, escudándose na crise económica, buscan só sanear os cadros de persoal, aproveitando a reforma laboral para contratar en condicións aínda máis precarias das que se están soportando xa en moitos sectores", manifesta a secretaria comarcal, Cristina Martínez Ces, nun comunicado de prensa.