A sección sindical na limpeza do Arquitecto Marcide emite un comunicado de apoio á folga xeral

A sección sindical da CIG-Servizos en Eurolimp no centro de traballo do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol emitiu un comunicado en que anima a secundar a folga xeral convocada para o 29 de setembro contra a reforma do mercado laboral.
20/9/10.

Comunicado da sección sindical da CIG-Servizos na limpeza do Arquitecto Marcide:

A reforma laboral aprobada recentemente no Parlamento do Estado crea unha precariedade absoluta que afectará sen distinción os traballadores e traballadoras fixos e eventuais.

A reforma laboral provoca a indefensión ante o despedimento, de tal xeito que a figura do “despedimento preventivo” por causas obxectivas aparece por primeira vez na lexislación laboral, polo que a empresa poderá alegar previsión de perdas para proceder ao despedimento individual ou colectivo con 20 días de indemnización por ano. Tamén inclúe para o despedimento a diminución de ingresos como causa obxectiva con independencia de que a empresa contabilice beneficios no mesmo exercicio. As causas obxectivas por razóns técnicas, económicas e de produción tamén se flexibilizan, polo que a implantación de novos elementos técnicos ou a substitución de máquinas permite o despedimento.

Tamén se facilita o despedimento procedente por baixas de enfermidade ou accidente non laboral inferiores a 20 días.

A implantación das ETTs en todos os sectores provocará a substitución de traballadores e traballadoras contratados directamente pola empresa. Os convenios colectivos non poderán prohibir nin limitar a actuación das ETTs. As empresas terán máis facilidades para non aplicar temporalmente o convenio, no que respecta a salarios, xornada laboral e mobilidade funcional (mobilidade de posto de traballo).

A maiores o Goberno xa ten en carteira a reforma das pensións, do desemprego e dos convenios e o Partido Popular reclama que se prohiban as folgas durante a negociación dun convenio.

Todas estas reformas pretenden deixarnos sen dereitos para, en definitiva, provocar unha maior sobre explotación da clase traballadora, que traballemos máis e cobremos menos. Transferir máis salarios dos traballadores e traballadoras para as rendas do capital. Os ricos serán máis ricos e a clase traballadora, máis pobre.

Non podemos ter dúbidas, a folga do 29 é unha resposta mínima a esta agresión sen precedentes. Temos forza e demostrarémola. Poñamos as reformas laborais en corentena.

TODAS E TODOS Á FOLGA O 29