Sucédense os apoios públicos á folga xeral

Numerosas seccións sindicais, comités e asembleas están a manifestar o seu apoio público á folga xeral do día 29. Se hai uns días era a afiliación da limpeza do Hospital Arquitecto Marcide quen animaba a participaren na xornada de loita, agora fano outras seccións sindicais como a de Sidecu de Narón, a do almacén loxístico de Pull&Bear, o comité de empresa de Urbaser de Ferrol ou asemblea de persoal da limpeza do concello naronés.
23/9/10.

A asemblea de traballadores e traballadoras do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos do Concello de Narón, cuxa concesionaria é Urbaser S.A., acordou unanimemente o 22 de setembro secundar a folga xeral do día 29.

O persoal desta empresa entende que hai que facer fronte “ao ataque do capital e da patronal aos nosos dereitos laborais e conquistas sociais”. Nun comunicado que difundiron, os operarios e operarias manifestan que non se lle pode consentir ao Goberno español que impoña unha reforma laboral que supón “un deterioro das condicións de traballo, basicamente porque introduce notables vantaxes para o empresariado e ningunha mellora para os traballadores, que busca máis despedimentos obxectivos e máis baratos ou que aspira a conseguir unha rebaixa xeneralizada de salarios pola vía da inexistencia de convenios”.

En definitiva, a asemblea de Urbaser-Narón coida que a reforma “non creará empregos, senón máis ben deteriorará as nosas condicións de traballo, precarizará aínda máis o emprego e nos empobrecerá. E non só queda aí o asunto, senón que xa nos ameazan cun un recorte nas pensións e un ataque aos desempregados recortando prestacións e dereitos”.

“A Folga Xeral sempre suporá un avance na toma de conciencia da situación e de que temos e podemos cambiar as cousas ao noso favor. A clase traballadora ten que se mobilizar para frear estas políticas neoliberais que atacan os nosos dereitos. Con esta Folga Xeral comezamos unha grande loita para conseguir un novo modelo social e económico, baseado na solidariedade e na cooperación e que dea prioridade ao benestar das persoas”, conclúe o comunicado.