Os paros han continuar no almacén de Pull&Bear a prol dun acordo laboral digno

Os traballadores e traballadoras do almacén loxístico de Pull&Bear en Narón continuarán coa folga para conseguir un acordo laboral que colme as súas expectativas. Haberá novos paros os días 5, 6, 7 e 11 de outubro ao rexeitaren os operarios en asemblea a última oferta patronal. Deste xeito, dáselle continuidade ao calendario de mobilizacións que aprobaran semanas atrás os empregados e empregadas.
04/10/10.

O cadro de persoal do almacén xa secundou tres xornadas de folga a finais de setembro, que se saldaron cun éxito rotundo de seguimento.

O persoal da planta de Narón percibe retribucións inferiores ás que reciben compañeiros e compañeiras doutras plataformas loxísticas de Inditex. A este respecto, a CIG-Servizos ferrolá censura a avaricia da multinacional comandada por Amancio Ortega que, malia obter importantes beneficios e incrementar a súa actividade comercial, rexeita a plataforma presentada pola parte social.