Oysho, do Grupo Inditex, despide unha traballadora por ser da CIG

O Grupo Inditex, por medio da súa firma Oysho, despediu na Coruña unha empregada por estar afiliada á CIG e por desenvolver unha actividade sindical destacada no seu centro de traballo. CIG-Servizos está a utilizar todos os instrumentos xurídicos ao seu alcance para conseguir a nulidade do despedimento e tamén se ha mobilizar co obxecto de acadar a readmisión da compañeira. O 15 de outubro, ás 17:00 horas, haberá unha concentración diante do Oysho do centro comercial Dolce Vita, o mesmo onde traballaba a operaria represaliada.
11/10/10.

A compañeira despedida fora de candidata suplente na lista da CIG-Servizos nas eleccións sindicais que se celebraron no seu centro e que finalmente outorgaron á central nacionalista a única representante en xogo. Desde entón e como consecuencia dunha baixa laboral prolongada da delegada de persoal, a empregada asumiu de facto as funcións de representante das traballadoras, actividade que lle custou o seu posto.

A campaña de Oysho contra a CIG tamén incluíu un intento de revogación da delegada do sindicato que non frutificou por falta de apoio entre as empregadas.

CIG-Servizos non ha permanecer impasíbel perante estas prácticas atentatorias contra os dereitos máis básicos que asisten os traballadores e traballadoras, como é o dereito á liberdade sindical, consagrado como fundamental e inalienábel na Constitución española.