Medio cento de persoas reclama a readmisión da afiliada despedida en Oysho
Oysho despediu esta empregada por estar afiliada á CIG e por desenvolver unha actividade sindical destacada no seu centro de traballo. A central está a utilizar todos os instrumentos xurídicos ao seu alcance para conseguir a nulidade do despedimento.
A compañeira despedida fora de candidata suplente na lista da CIG-Servizos nas eleccións sindicais que se celebraron no seu centro e que finalmente outorgaron á central nacionalista a única representante en xogo. Desde entón e como consecuencia dunha baixa laboral prolongada da delegada de persoal, a empregada asumiu de facto as funcións de representante das traballadoras, actividade que lle custou o seu posto.
A campaña de Oysho contra a CIG tamén incluíu un intento de revogación da delegada do sindicato que non frutificou por falta de apoio entre as empregadas.