Convocada folga indefinida en Ecourense en solidariedade cunha candidata da CIG despedida

A asemblea de traballadores de Ecourense, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo do concello ourensán, aprobou por unanimidade convocar folga indefinida, que comezará ás 22:00 horas do 28 de outubro e que se prolongará até conseguir a readmisión dunha operaria despedida por encabezar a lista da CIG.
18/10/10.

O despedimento, que os traballadores consideran inxusto e arbitrario, foi efectuado por decisión do xerente, Juan Pérez, e produciuse ao día seguinte de terse constituído a mesa electoral. A empresa considérao improcedente mais é nulo a todas luces, ao se tratar dunha represalia contra a operaria por integrar a candidatura da CIG.

A decisión de apoiar o paro foi unánime e tomouse na asemblea máis concorrida das que se celebraron desde que esta empresa explota o servizo. Os representantes dos traballadores salientan que, nestes sete meses de xestión, Ecourense impuxo máis sancións que a anterior concesionaria en anos.

O comité, que tamén está a estudar emprender outras medidas de protesta previas á folga, considera  inadmisíbel que o alcalde aínda non o recibise malia ter solicitado unha xuntanza con carácter urxente. Do mesmo xeito, os representantes do persoal censuran o silencio do conxunto do Goberno local.